3/13/2012

Poetízate. Fran Alonso

Antoloxía da poesía galega contemporánea que se marca como obxectivo o achegamento dos lectores mozos ao xénero. Recolle unha ampla selección de poemas e poetas, de Rosalía a Antía Otero, dispostos por orde cronolóxica e seleccionados co criterio fundamental de atrapar aos que non len habitualmente poesía. A obra de oitenta poetas, maiormente aínda vivos e cun moi amplo espectro da poesía moza e máis actual, recóllese dunha forma non condicionada polo equilibrio estatístico da hipotética relevancia de cada autor, senón pola capacidade comunicativa do poema. De autores como Celso Emilio Ferreiro (nove poemas), Manuel Rivas ou Lupe Gómez aparecen varios textos, mentres que doutros autores incorpórase só un, ata un total de cento oitenta poemas.

La lluvia de París. Lorenzo Silva

                                                                                                                                                                                     A Silvia, la chica más guapa del instituto y de todo el barrio, se le presenta por fin la oportunidad de convertirse en una estrella del cine: André, un director polaco afincado en París, la contrata para hacer una película en la capital francesa. Y allí, en París, Silvia roza primero la gloria y después se topa con la decepción que producen los sueños incumplidos. Y todo ello la obliga a hacerse definitivamente mayor.




3/06/2012

Ninguén. Fran Alonso

Sara, unha muller que está farta dos ruídos da cidade, decide cambiar de estilo de vida. Un mozo vive obsesionado polas voces dos seus veciños, que lle impiden levar unha vida normal. Outra muller cítase nunha cafetería cun home ao que coñeceu a través de Internet. S. Lonely toma a decisión, por primeira vez na súa vida, de emprender unha pequena viaxe de vacacións para romper a rutina. Un escritor, que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, descobre a carga subversiva dos hoax, esas falsas cadeas que se envían a través do correo electrónico. Simultaneamente, diversos mails cruzan o ciberespazo deste libro singular. Estas son algunhas das historias e personaxes do novo libro de Fran Alonso. Ninguén aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais, Ninguén explora esa nova condición que hoxe nos define aos cidadáns das comunidades contemporáneas, vencelladas, entre outras cousas, ao individualismo, á máquina, á soidade e ao ruído.

Dragal. A herdanza do dragón. Elena Gallego

Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego? Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.