Amosando publicacións coa etiqueta Club 4º de ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club 4º de ESO. Amosar todas as publicacións

2/14/2011

A cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre

Inspirándose no mito grego da medusa a escritora Marilar Aleixandre publica esta novela que foi premio da Fundación Caixa Galicia no ano 2008.
Nela cóntasenos a historia de Lupe e Sofía, dúas estudantes de 2º de Bacharelato que son violadas ao voltar dunha cea de entroido cos seus compañeiros de instituto. Ao igual que Medusa, as dúas rapazas descubrirán como moitos non se atreven a miralas de fronte e sufrirán debaténdose entre denunciar a agresión ante a xustiza ou renderse ante as presións do entorno, especialmente dos seus propios compañeiros. Ambas semellan ser para algúns as culpables pola súa indumentaria ou polo feito de subir nun coche cuns descoñecidos. Para outros está claro que son as vítimas.

A autora fai un acertado tratamento do mito da Medusa, no que, ao igual que en moitas sociedades actuais, castígase á muller agredida e non ao agresor.

MEDUSA. Medusa foi unha fermosa sacerdotisa do templo da deusa Atenea que entregara a ela a súa castidade, pero foi violada polo deus dos mares, Poseidón. Como castigo Atenea converteu os seus fermosos cabelos en serpes e fixo que calquera que mirase a súa cara quedase convertido en pedra.



11/29/2010

Un casoiro ben mal amañado


Un casoiro ben mal amañado é a primeira obra de literatura xuvenil publicada por un escritor de orixe hindú nado no Reino Unido;son as orixes de Bali Rai o que lle permitirán ao escritor tratar o tema da inmigración desde unha perspectiva tan orixinal e conmovedora; así a obra preséntanos os problemas de adaptación dun rapaz que xa non se identifica cos preceptos dunha tradición familiar, pois sénteos alleos e por iso precisa desafialos con teima insistindo na súa negativa a formar parte dun casorio (mal) amañado.
A mirada do autor fronte ao tema da emigración resulta novidosa tanto no tratamento formal como no enfoque ideolóxico pois dá pé á reflexión de temas como a intolerancia, a alienación e a inadaptación fronte ás distintas utopías que nos venden os poderes políticos e que falan da posibilidade da tolerancia, o multiculturalismo e a integración racial.
E se queres saber algo máis da vida e da problemática da cultura punxabí, queda aquí o enlace dunha entrevista que lle fixo "El Correo Gallego" cando o escritor veu presentar o seu libro a Galicia.